Wednesday 24 de April de 2024

O Programa “Catro Estacións” chega ao colexio Sofán cunha rosa dos ventos de plantas aromáticas


A Brigada Municipal de Xardíns encargouse do acondicionamento do espazo a petición do centro escolar

Catro estacións é un proxecto de educación medioambiental vinculado á creación e mellora de zonas verdes e arboradas e de espazos axardinados en distintos puntos do noso concello. O principal obxectivo é implicar á veciñanza na súa conservación a través dunha serie de iniciativas orientadas a fomentar o coñecemento da nosa flora, poñer en valor os recursos naturais do territorio e fomentar o respecto polos xardíns como bens comunitarios.

Dentro do programa Catro estacións vimos desenvolvendo actividades como a decoración dos xardíns próximos aos colexios con cabazas decoradas polo alumnado ou o concurso de decoración de portas “Flores de San Xoán”. Pero tamén se atenden as propostas que nos chegan dende diferentes colectivos, que se materializan en iniciativas como curso de poda que se desenvolveu a principios de ano en Verdillo, a creación dun horto de plantas comestibles na Escola de Hostalaría ou, máis recentemente, o acondicionamento dun novo espazo axardinado no CEIP Gándara-Sofán.

Grazas á iniciativa do profesorado, a Brigada Municipal de Xardíns puido desenvolver un fermoso proxecto que consistiu na creación dunha rosa dos ventos con plantas aromáticas e flores. Os puntos cardinais aparecen sinalados con ruda, romeiro, tomiño e tomiño limón, e no resto da composición utilizouse planta de temporada, que agora encárganse de coidar os nenos e nenas de 6º curso, que o ano que vén cambiarán de centro para iniciar os estudos de secundaria. Os traballadores do servizo municipal limparon todo o espazo, e colocaron malla anti-herbas e cortiza de piñeiro para facilitar o seu mantemento.

A rapazada do cole completará agora o proxecto coa colocación dun poste no que sinalizarán, orientados cara os puntos cardinais correspondentes, os lugares da contorna máis significativos para eles e elas.